Virxilio Vieitez Bértolo non é un retratista en Soutelo, é  O Retratista. Dúas xeracións e mesmo nalgúns casos tres, gardan nas súas carteiras retratos que pon no seu pé "Foto Vieitez".

Naceu no ano 1930 en Soutelo de Montes. Comenzou a súa vida querendo ser mecánico, mais acabou facéndose fotógrafo traballando no Pirineo Aragonés, na contrucción dos teleféricos de Panticosa. Facía retratos dos seus compañeiros de traballo e despois vendíallelos.

En San Feliú de Grixols aprende a técnica do revelado, e posteriormente, en Palamós empeza a traballar profesionalmente como fotógrafo. Despois de volver á súa vila de Soutelo por mor da enfermidade da súa nai, quen dixo del que era o golfo mais golfo do lugar, ó voltar de fora cunha bicicleta pero sen un peso nos petos, casou e estableceuse aquí, facéndose en pouco tempo coa clientela que tiñan repartida entre outros fotógrafos que viñan das vilas cercanas. Viaxou por toda a bisbarra a bordo da súa Lambreta, que faría famosa nalgúns retratos, pero sobre todo por Cerdedo e Soutelo, facendo fotografías nas feiras, á saída das misas, e posteriormente reportaxes en casamentos, comunions e bautizos. Traballou tamén para xornais como corresponsal, e a primeiros dos anos sesenta leva a cabo unha tarefa que hoxe compón un verdadeiro arquivo antropolóxico da comarca: os retratos para o carné de identidade, que se fai obrigatorio e que o leva por todas as aldeas retratando a todos, homes e mulleres, novos e vellos, ricos e pobres.   Muller con radio. Obra que descubreu a Virxilio fora do seu pobo.  (Foto: Virxilio Vieitez)

Virxilio sustituiu a Lambreta por un Seat 600 e despois un 1500 que acabou sendo o coche das noivas de toda a bisbarra, pois no só facía de fotógrafo senón tamén de chofer. El cobrou cartos por cada fotografía, como é lóxico, pois ese era o seu modo de vida, mais é importante subliñar o intento que fai de aportarlle dignidade a unha xente coa que el mesmo non se sinte moi identificado. As súas fotografías son máis documentos rexistrais dun feito (pasamento, voda, ou mesmo a formalización dunha relación entre noivos cando é a primeira que fan xuntos) ca fotos de estudio.

A súa técnica fotográfica é cualificada de excelente por aqueles expertos que estudian o seu traballo, e eso tendo en conta que nin siquera tiña auga corrente na casa e lavaba os negativos na fonte da praza. Non traballa case nunca con fondos artificiais, senón con exteriores, case sempre verdes vexetais, feitos ás veces na propia horta. Atravesa diversas etapas ó longo da súa vida profesional, que son doadamente diferenciables no fondo e na cara das fotografías. Pódense encontrar na súa obra secuencias enteiras na que os suxetos están colocados diante dun impresionante coche do correspondente emigrante americano do lugar, outras onde o fondo é sempre o lugar, as rúas, as casas, ou sinxelamente un autobús; e outras máis elaboradas con xardíns, ou chalé de D. Alfredo, que era a casa máis luxosa do lugar, e que aparece noutra destas páxinas.

Retrato de unhas veciñas de Soutelo, aparecido no diario "El País" como anuncio da súa exposición en Madrid.  (Foto: Virxilio Vieitez)

Virxilio era coñecido en Soutelo, Cerdedo e moitas aldeas dos arredores, pero non máis lonxe. Foi no veran do ano 1997 cando, xunto coa súa filla Keta, recolleu algunha desas fotografías que gardaba na gabeta e  preparou unha exposición durante as festas do San Roque. Manuel Sendón e Xosé Luís Suarez, directores da Fotobienal de Vigo descobren o retrato dunha "Muller con radio" que anuncia a exposición, e despois de coñecer o impacto desta no público, diríxense a el e dedican o tempo ó estudio dos negativos  que, en copias de contacto, tiña recollidos en latas das do pemento. Chegan a xuntar hasta 500 imaxes de especial interese, das cales elexiron as cen que hoxe forman a exposición itinerante que percorre España e Francia.

Retrato do autor destas páxinas con algún ano menos.  (Foto: Virxilio Vieitez)Ó longo da fotografía de Virxilio recóllense retratos persoais en casamentos, bautizos, comunións, matanzas e velorios; non en van era o retratista de toda a bisbarra. Aparte desto hai outras imaxes que, mais que xente, retratan a forma de vida dun pobo. Son imaxes sempre frontais, estáticas, como di Manuel Sendón, "con gran naturalidade e sobre todo dignidade". Retratou xente pobre, mais nunca retratou miseria.

En dous anos, Virxilio pasou de ser un retratista xa retirado a ter a súa obra nos museos de Francia. Expón na fotobienal de Vigo de 1998 e as fotografías chegan á axencia Vu de París, despois de que o seu director Chistian Caujolle viñera a Galicia e suspendera a mostra que tiña preparada para sustituila pola de Virxilio,  publícanse reportaxes nos diarios franceses "Le Monde" e "Liberation" e no madrileño "El Pais", e o museo Niepce cómpralle 26 retratos. Hoxe é un persoeiro coñecido, e da súa obra dise que recorda os traballos dos grandes da fotografía contemporánea: Walker Evans, Diana Arbus, Richard Avedon ou August Sander, aínda que el nin siquera tiña oído falar deles. Pódese dicir que é un autodidacta, traballou para comer en algo que tamén lle gustaba.

Virxilio expuxo os seus retratos en branco e negro feitos entre os anos 1955 e 1965 no Centro Cultural da Caixa de Vigo, na sala do Canal de Isabel II en Madrid, e dentro de pouco chegará a Coruña, dentro dunha mostra itinerante que críticos de importancia cualifican como de grande interese, e que o público, como o autor destas páxinas puido comprobar en Madrid, mira en moitos casos pasmado. A xente das cidades galegas recorda a súa orixe na aldea, recoñécese nas imaxes, e míranse a si mesmos corenta anos antes.

Na primeira imaxe que aparece nesta páxina amósase unha das fotográfias máis coñecidas de Virxilio, A "Muller con radio". Esta foi o cartel da exposición no seu lugar, e a que alertou ós directores da Fotobienal de Vigo do seu traballo. Tamén foi escollida para unha exposición conmemorativa da fotografía en España xunto cos mellores fotógrafos do país, publicada polo diario El Mundo, e mostrada ata nos telexornais. Deste retrato conta Virxilio que foi feito por encargo para mandar a América como testemuña da compra da radio, xa que dende alí lle tiñan mandado os familiares os cartos. A seguinte imaxe é un retrato feito para unhas veciñas de Soutelo, e que publicou o diario El País xunto coa información da súa exposición en Madrid. A terceira é un retrato do autor desta páxina feito por Virxilio xa hai algúns anos. Por último mostranse tres imaxes dun dos fotógrafos máis importantes deste século, August Sander, que retratou a postguerra europea dun xeito especial. Pódese comprobar a similitude das composicións frontais e con fondo sinxelo como o que se aprecia nas de Virxilio.

Virxilio faleceu o día quince de Xullo de 2008 na súa casa de Soutelo, na mesma na que naceu. Tiña 77 anos. A cobertura dada polos medios de comunicación nacional o seu pasamento é a mellor medida da importancia que adquireu a súa obra nos derradeiros anos. O diario "El Mundo" dedica-lle unha páxina inteira con un extraordinario artigo e recolle nun álbum moitas das mellores imaxes publicadas. "El País" tamén percorre a súa vida nunha ámplia coluna. En Televisión Española mostraría un reportaxe con imaxes rodadas en vida e moitas das súas fotografías. Tamén nos diarios galegos se recolle a desgraciada nova aínda que, curiosamente, con menos detalle. Quizais, como pudemos comprobar na súa exposición en Madrid, o impacto é moito maior na xente da gran cidade, que nin coñece nin pode imaxinar estas imaxes da nosa terra, que para os que tivemos a sorte de vivi-la  de nenos. 

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es