- E logo, ¿vos sodes bermellos?

- Non señor, nós somos de Soutelo de Montes.

Esta conversa real, tivo lugar no porto de Lisboa, entre un policía portugués e Castor, o máis novo dos gaiteiros de Soutelo, cando estes, en plena loita civil española voltaban de Europa. Define dunha forma moi exacta a maneira de ser da xente desta terra. Unha xente educada no individualismo máis extremo, onde cada un é fillo das súas obras, cunha independencia de pensamento impensable noutros lugares de Galicia, pero moito menos fóra daquí.

O veciño desta terra dificilmente formará parte de asociacións e poucas veces se define politicamente (a propia loita civil, que aquí case non existiu, non deu lugar ás xenreiras que duran aínda hoxe nos lugares de Castela, e poucos se lembran de en que bando estaba cada veciño). Só na emigración hai un sentemento case de familia entre os que aquí naceron, e que se topan lonxe da súa terra.

Nembargantes, ou quizais por esto mesmo, a  Terra de Montes é terra de xente sinxela, de moito traballo, e ben se di que do traballo cotián poucos se fan ricos. Non hai pois nesta terra grandes conquistadores, nin persoeiros tan importantes que teñan cambiado a historia; hai, sen embargo, moitos homes e mulleres que si escribiron unha ringleira, longa ou curta, na vida do seu pobo.

Se alguén se fixa nos aquí citados, poderá comprobar que son casos sempre illados, menos o gaiteiro, quen tiña mestres na súa familia e nin por eso deixaba de ser un autodidacta; os outros son productos de si mesmos, desa individualidade que nos caracteriza, nunca dunha escola.

Aquí non están todos os que son, pero si son os que están.  Cada un no seu, foron algo importante na bisbarra ou fora dela. Nós, cando poidamos, iremos engadindo aqueles que faltan ata ter un retrato de todos eles. 

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es