A Terra de Montes está situada na parte máis montañosa das provincias de Pontevedra e Ourense, case no medio e medio de Galicia. Definir os seus lindes non é tarefa sinxela. Para case todo o mundo comprende os concellos pontevedreses de Forcarei e Cerdedo, cun cento de aldeas e vilas que forman cada un deles, xunto co concello ourensán de Beariz, de semellante xeografía e maneira de vida. Tamén algúns lugares da Estrada (Sabucedo), Cotobade (Caroi), Irixo ou Campo Lameiro poden considerarse da Terra de Montes.

No ano 1.115, segundo publica Xesús Antonio Gulías no libro "Beariz de Montes", a raíña Dona Urraca escribe ó arcebispo Xelmirez concedéndolle as terras "ata o Avia". Sería pois este río o que delimitaría a Terra de Montes pola provincia de Ourense. Outros autores, como Vicente Risco non comparten esta definición; nin sequera se pon de acordo sobre cales son en realidade as fontes do Avia.

Por se fora pouco, a Xunta de Galicia inventou o que chaman a comarca de "Tabeirós-Terra de Montes", que non é máis cá xuntaza dos dous concellos pontevedreses co da Estrada. Esta xuntanza pouco natural obedece máis a "cousas da política" que a unha realidade social, e obriga ós paisanos a viaxar á vila da Estrada, con moito a máis importante da zona, para calquera servicio dos chamados "comarcais".  

A orografía desta terra vén dada pola súa situación nas beiras da chamada Dorsal Galega, cos montes do Seixo, O Testeiro, Candán, etc. Este conxunto, no que se chega a alturas de 900 e 1000 metros, actúa de divisoria de augas entre as cuncas do Avia, cara ó sur, do Deza cara ó leste, e do Lérez, que recolle a maior parte, caria ó poñente. Tamén nace aquí o Umia, anque deseguida deixa a bisbarra para adentrarse nas terras da Estrada.

 

No outo do cerne Candán

deitan as fontes do Lérez:

no baixo, o pé do regato

sorrí a Santiña de Montes

nun convento destellado.

Avelino Cachafeiro

 

O Clima da Terra de Montes é chuvioso, debido a que os seus vales abren cara ó Sur-Oeste, dando precipitacións da orde dos 1800 mm. anuais, que aumentan ata os 2000 mm. a medida que imos ascendendo, ó tempo que se enfria e aumentan as xeadas.

A vexetación está composta de piñeiros e eucaliptos, especies non autóctonas, pero das que se fixeron importantes repoboacións forestais, en moitos casos desfeitas polo lume. Na parte alta abunda o carballo e o bidueiro, moito máis resistentes ós incendios e ó clima difícil, mentras que nas serras é o monte baixo o que serve de pasto para o gando, tanto ceibe (cabalos e vacas) coma doméstico.

Na Terra de Montes hai catro núcleos de poboación importantes, que coinciden coas capitais dos tres concellos. A eles hai que sumarlles Soutelo de Montes, que é considerado por moitos como a capital da bisbarra, que ten a grande ventaxe, xunto con Cerdedo, de estar na estrada N-541, verdadeiro eixo das comunicacións da zona. O resto da poboación atópase dispersa en centos de aldeas distantes ás veces menos de un kilómetro, o que fai difícil a comunicación entre elas

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es