A historia da Terra de Montes é a historia do convento de Aciveiro. A partir deste enclave relixioso, ou como consecuencia del, tivo lugar a maior parte do desenvolvemento da bisbarra no último milenio. Esta realidade non significa que non existan outras antigas culturas coma a chamada "Megalítica" ou Cultura das Mámoas, da que se conservan vestixios en case todas as parroquias, a Cultura Castrexa, de orixe celta, que florece na segunda metade da Idade do Ferro, e que nos deixou varias mostras ó longo do territorio; e outra, da época romana e posterior, da que tamén nos queda aínda en pé algunha torre como as de Presqueiras ou Castrelo.escudo.jpg (69364 bytes)

A Terra de Montes nace como a maioría das comarcas tradicionáis galegas cando a división territorial sueva, reinando o rei Teodomiro. Nesta época, Galicia queda dividida en trece sedes, que á súa vez se dividen en diócesis, semellantes ás actuais comarcas. No ano 1135 fúndase o Mosteiro de Aciveiro que levaría a bisbarra a un cumio social, económico e cultural descoñecido para aqueles tempos.

Aquí dividimos esta historia en dúas partes: a primeira (Prehistoria), da que só se conservan restos, anque algúns deles documentados, e que chega ata o século XI; e a segunda, cunha constancia escrita máis importante, que vai dende o medievo ata hoxe.

É preciso subliñar que as diferentes culturas atópanse xunguidas por unha corda común: a relixiosidade, e por encima de todo un certo culto á morte que aínda hoxe é recoñecible na nosa xente. Dende as mámoas (monumentos funerarios) pasando polos mosteiros da Idade Media ata chegar a moitas das peculiaridades locais do cristianismo, toda a historia galega, e por ende a da Terra de Montes, xira ó redor da relixión

 

        

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es