GAMESA ou a UNIÓN PACIFIC

 

Dun tempo a esta parte, cada vez que vou pola miña terra, oio falar máis das barbaridades que están a cometer na construcción dos "Parques eólicos".

A historia comenza cando a Unión Europea decide conceder axudas para sustituir as fontes tradicionais de enerxía por outras chamadas "renovables".

De toda a vida, os ecoloxistas foron partidarios desta medida, sin coñecer en moitos casos cales podían ser os resultados deste cambio, polo que as medidas da UE foron dadas por boas sin discusión algunha, e a Xunta de Galicia empezou a conceder permisos para a instalación de xeneradores.

Apareceu GAMESA, importante empresa vasca de aeronautica que se dedica a instalar estes parques, polos en funcionamento, cobrar as subencións correspondentes, e venderllos en moi bo prezo ás electricas tradicionais. O negocio é redondo, as institucións apoian a instalación, os concellos tamén posto que reciben unha renta, e se non é así, vense enfrontados coa Xunta, da que dependen económica e políticamente para moitas das súas actividades. So aparecía un pequeno inconveniente: os montes non son en Galicia propiedade dos concellos senón de cada un dos pobos, aldeas e lugares que os forman, e en algúns casos corresponden ás parroquias ou a agrupacións de lugares. GAMESA debe porse dacordo, polo tanto, con cada un destes propietarios para instalar as máquinas e pasar as liñas que as xunguen.

Nos comenzos todo marcha ben, os labregos reciben unha cantidade fixa por paso da liña e unha renta polos xeneradores, pero empezan a darse conta de que estas cantidades son ridículas en comparación co negocio que se "ventila", aparte de ver como as serras do seu arredor vanse cubrindo de "muiños de vento" e o que é peor, de postes de aceiro de perto de corenta metros de alto e de camiños que rematan neles. Empezan a asociarse en "Comunidades de Montes" e a presionar para que non se instalen os xeneradores, para que as liñas sean subterraneas ou simplemente para obter un prezo maior, entonces é cando aparecen as maneiras casi mafiosas que emplean as grandes empresas para tratar cos pequenos propietarios. Empezan ameazando con expropiacións, ponse a traballar sin ningún tipo de permiso dos propietarios coa seguridade de que ninguén lles vai parar as obras, buscan presións políticas que dividan as comunidades, si chegan a un acordo con estas, á hora da súa sinatura aparecen clausulas que non existían, acordanse modificacións e non se respetan, de tal forma que cando os labregos se dan conta xa están as obras rematadas, fan centos de camiños para os que ninguén os autorizou, e por último, expropian nunha parte e levantan os postes na que lle ven mellor a eles. Si alguén tenta adiviñar a intención seguida no trazado dunha liña, só se lle ocurre unha cousa: querense ocupar certos espacios para impedir que outras empresas poidan levar a cabo instalacións semellantes, e para eso faise que todo-los trazados pasen polos lugares máis altos (susceptibles de instalar futuros aeroxeneradores) aínda que teñamos que dar unha boa volta, deixando así as serras cheas de postes en cada cúmio, onde máis se ven.

Resumindo, que a situación parécese cada vez máis á que vemos nas peliculas do Oeste, cando se construía o ferrocarril. Pouco importa o que pase si a compañía ten beneficios. Eso sí, están conseguindo unha cousa que parecía imposible: xuntar os labregos galegos e asocialos. O que máis temo é que cando teñan a forza suficiente para impedilo, a nosa paisaxe non teña ningún remedio.

 

        

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es