Dende que se ten constancia da existencia de xente nestas terras, sempre se dedicaron á agricultura e á gandería, pero esto está cambiando, de xeito que se produce un crecente trasvase de man de obra deste sector primario ó terciario.

Noutrora, a Terra de Montes foi paso de arrieiros dende o Ribeiro cara a Santiago, e aínda se conservan en moitas aldeas camiños ós que se lle segue chamando Breas. Tamén se ten coñecemento dun comercio curioso, o da neve, do que eran donos os mosteiros (Aciveiro), frito do cal se conservan lugares chamados "A Neveira" en varias parroquias. Así, fálase de "arrieros de neve e sal" como profesión, e nas contas do mosteiro aparecen ingresos máis grandes pola venda de neve que polo cobro de foros.

Agora, a economía xira  ó redor da gandería, a agricultura e os servicios, mais só a primeira da lugar a un comercio co exterior, xa que o campo é destiñado na súa maior parte a producir alimento para o gando, e únicamente nas partes máis baixas (Cerdedo) danse algunhas froitas. O gando oriéntase de xeito fundamental á produción de leite (vacas e ovellas), ben para a súa venda ou para facer queixos. Hai granxas con animaiss dedicados a producir carne, pero sobre todo, cada casa ten os seus porcos, galiñas, coellos, etc. para o consumo propio. Desta digamos "gandería a pequena escala" dase unha importante saída de becerros para carne cara a Cataluña e Madrid. Moitas veces son engordados noutras partes de España antes de ser sacrificados, xa que aquí prefírese recoller o leite e vender antes o becerro. Nos últimos anos estase volvendo a dar a explotación do gando ceibe polos montes do común, dedicado á producción de carne, labor este que ten máis importancia nas terras altas e nas montañas.A gandería en pequena escala e o minifundismo caracterizan a economía da Terra de Montes.  (Foto: Manuel Cerdeira)

Dase na Terra de Montes unha importante explotación forestal, moitas veces en montes de propiedade común. Estas explotacións foron moi polémicas dada a súa imposición por parte do estado, cando a dictadura. Nesta terra, como noutros lugares de Galicia, os montes en man común dan pasto para o gando, toxo para as cortes, leña para os fornos, e sobre todo a posibilidade de facer estivadas. Esto non foi tido en conta á hora de plantar os piñeirosos e deixouse os lugares sen parte do seu sustento: desapareceron os gandos de ovellas e cabras, e as vacas viron reducido o seu espacio de vida. Os labregos recibiron esto de mala maneira e un dos resultados foi a aparición dos incendios "fortuitos". Hoxe, os piñeiros xa son mellor considerados porque, cando se cortan, parte dos beneficios obtidos pola venda van destiñados ó lugar proppietario do monte e invístense case sempre na mellora das propias aldeas.

As estivadas (plantacións de centeo en montes aparentemente non productivos) foron as responsables de que a posguerra na Terra de Montes non dera lugar a unha fame xeral. O monte era cavado, queimado, arado e sementado de centeo. Este é o único cereal que se da nesta terra mala, sempre mesturado coa borralla procedente de queimar a vexetación (tella). Pódense traballar extensións grandes que producirán durante algúns anos para despois abandonalo e facer outra estivada. Así de forma cíclica sacábaselle un rendemento a todo o monte.

O centeo recollido nas estibadas era secado nas eiras, onde tamén se lle tiraba o gran nas "mallas", traballo comunitario no que participaba todo o pobo, nenos incluidos. Por cada veciño acudían unha ou dúas persoas (dependendo do tamaño do lugar e das necesidades). Todo o traballo facíase en común ó longo dos dous ou tres días que duraban. Hoxe aínda quedan mallas nalgúns sitios, tanto de centeo como do pouco trigo que se sementa.

Debe terse en conta que todo o traballo do agro facíase con vacas, pois as máquinas tiñan e aínda teñen difícil o seu funcionamento en leiras tan pequenas. Unha boa xugada de vacas era unha riqueza para unha familia pois dela dependía o traballo, o leite, e moitas veces a propia seguridade. A vaca autóctona era de raza rubia galega, moito máis dura cás de orixe holandés ou suízo, pero pouco leiteira. Cando o leite pasou a ser máis importante có traballo, sustituíuse esta polas de raza frisona; posteriormente a mestura dou lugar a unha raza negra menos enfermiza cá foranea e máis leiteira cá galega.

A feira era onde se comerciaba cos froitos do agro. Alí mercábanse e vendíanse galiñas, millo, porcos, vacas, becerros, centeo, e todo canto os labregos podían comprar e vender. Aparte dos feirantes fixos, o paisano acudía a vender o que lle sobraba ou tiña necesidade de vender. Outros "fabricaban" utensilios imposibles de atopar noutro lado como temoeiros e brochas pos xugos, caldeiros de zinc, farois, etc. e con eso axudaban a manter a familia. Feiras como a de Doade, a de Soutelo ou a de Aciveiro tiveron unha importancia grande na economía das aldeas.

Outras fontes de ingresos para os veciños da Terra de Montes foron as minas de estaño nas veiras de Coco, O Seixo, Candán e Marcofán, e as de Wolframio en Beariz. Nelas traballaron como obreiros moitos homes e aínda máis (homes, mulleres e nenos) fixéronno circunstancialmente buscando metal nas escombreiras e lavando a terra nos ríos. En Beariz funcionaron varios fornos de fundición que mercaban o metal e facían lingotes de estaño de bastante boa calidade. Hoxe estas minas non son rendibles e foron abandonadas, constituíndo un certo perigo para os camiñantes, polo que están a ser tapadas. 

Foron tamén moi importantes as canteiras de granito para os traballos de cantería, e as de de lousa de pizarra para as cubertas das casas (o emprego de tellas non hai moitos anos que se estendeu).

Consérvanse aínda hoxe nesta terra algúns dos oficios tradicionais como os cereiros e os canteiros, estes últimos con un certo auxe, debido á escola que funcionaba no Mosteiro de Aciveiro, e ó seu emprego na construcción de vivendas de alto nivel e na restauración de monumentos. Hoxe a escola ten sitio de seu e téntase que esto dea un novo pulo a esta profesión.

Para coñecer como vivía a xente desta terra hai 250 anos nada mellor que o "Catastro del Marqués de La Ensenada" que nos fala de 772 canteiros, 290 carpinteiros, 122 tecedores, 122 borreiros (trafegantes de cera), 95 arrieiros de viño, 94 xastres, 41 ferreiros, 58 costureiras e 61 carboeiros, amáis de números inferiores de bataneiros, cardadores de liño, cereiros, cesteiros, ferradores, gaiteiros, muiñeiros, panadeiros, prateiros, torneiros e outras profesións hoxe desaparecidas.

Nos últimos tempos está aparecendo unha economía dependente do turismo rural, que demanda tranquilidade e natureza. O sendeirismo está de moda, e os concellos están dedicando casas noutrora abandonadas a "casas rurais" que permiten unhas comodidades ós turistas que antes non podían ser pensadas nunha aldea. Do seu desenrolo ocúpanse actualmente no plan PRODER da Terra de Montes, que dedica unha importante cantidade de cartos para colaborar coa iniciativa privada. A entrada de paisaxes como a Serra de Candán, a Lagoa Sacra ou a cunca do Lérez na futura Rede Natura europea abunda neste eido.

Nos últimos anos comenzáronse a construír "Parques Eólicos" para a producción de electricidade, pois hai abundante "materia prima" nas serras máis altas de Candán, O Seixo e O Testeiro. A proliferación destes artefactos, e o que é peor, as liñas de alta tensión que os xunguen, dan lugar a certa oposición dos labregos, que ven converter as súas terras en algo semellante ás beiras das grandes cidades de Castela.

 

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es