A cóbrega encantada

 Houbo unha vez, hai moito tempo,na comarca de Terra de Montes, na provincia de Pontevedra, un crego moi usureiro e moi rico. Nos trinta e tantos anos que levaba na parroquia xuntara moito diñeiro.

 Era tamén especialista en facer desconxuros e moi entendido en encantamentos e meiguerías.
Naqueles anos, as xentes andaban en guerra, as chamadas guerras carlistas. Había partidas de guerrilleiros que loitaban a favor de D. Carlos e partidas que o facían a favor da raíña Isabel. Os peores eran os que loitaban para sí, os que á sombra da guerra mataban e roubaban canto querían.

O crego non as tiña todas consigo e temía pola fortuna que amasara durante tantos anos de recoller rendas, oblatas, dezmos... Estes eran os pagamentos que tiñan que facer os labradores á Igrexa por aqueles tempos de miseria para os pobres (case toda a xente traballadora) e de fartura para os amos (os que non traballaban que eran só uns poucos).

Había na casa do crego un criado con trazas de ser algo parvo, e así parvo e curto era tido por todos; polo cura máis. Ó mozote o que tiña de parvo facíalle moita falta; iso si, era un chisco cobarde de máis. De sempre asalaba ó crego cada vez que o sentía ir ás agachadas a gardar diñeiro nun cofre que tiña e que pechaba con dúas chaves que colgaba ó pescozo.

Un día viuno meter as moedas de ouro e de prata que había no cofre nunha bolsa de coiro grande coma o fol dun cabrito. O cura saiu á ventá e chamou por el.Mandoulle aparellar a besta e que se preparase para acompañalo. Meteu a bolsa nas alforxas e botáronse a camiño.

Colleron cara ó alto do Candán, que é unha serra que queda nun extremo da Terra de Montes, no concello de Forcarei. Andaron e andaron ata que chegaron ó alto, dalí baixaron cara a Grobas e ós dez minutos de camiño o abade parou diante dunha peneda grande que ten forma de viseira e fai coma unha cova pequena na súa base.

Ó momento saiulle unha cóbrega que estaba agachada na cova. El colleuna e atouna ó pescozo da bolsa e colocándoa no lugar exacto dixo estas palabras:

- O que de aquí te sacare, tres bicos che ten que dare.

Oíndo isto o criado quedou como atontado.
Durante o camiño de volta pensou en roubalo e volver para a súa casa. Con todo ese diñeiro podería mercar terras e vacas e vivir coa súa familia sen pasar as privacións a que estaba acostumado.

Pasou algún tempo, pero o rapaz non esquencía o asunto. Unha vez que o cura tiña que baixar a Santiago por dous días,ó que marchou da casa, el colleu camiño do Candán.

Chegado á peneda do encantamento saíulle a cóbrega con aspecto ameazador. El asustouse moito por ver que era tan grande, moitísimo máis do que lembraba, e daquela marchou.

O chegar á casa sen estar satisfeito decidiu ir ó outro día a desencantar o tesouro. Ó mencer saiu, armado de valor. Chegado á peneda volveulle sair a serpe, pero el pensou: "Meu amo dixo: o que de aquí te sacare, tres bicos che ha de dare". Obedecendo o dito, colleu o animal e deulle un bico na cabeza. A cóbrega quedouse un pouco. Deulle outro bico, este no lombo e quedouse máis. Por último deulle outro na punta do rabo e a cóbrega quedouse de todo. Colleu a bolsa coas moedas e marchou para a súa terra.

Se foi feliz ou non, non o sabemos porque as xentes de Terra de Montes non tiveron máis novas do rapaz medio parvo que estaba de criado do crego. ¿Que como se soubo toda a historia? Ese é un segredo que non podemos desvelar...

Mini, reelaboración dunha lenda recollida a Asunción Barciela, en Rozados, Forcarei.

        

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es