O Centro Etnográfico de Terra de Montes é un empeño persoal de Constantino González e os seus fillos, sen outra axuda que a súa ilusión e algunhas doazóns das xentes da bisbarra. Abriuse ó público o día 12 de agosto do ano 2000, sen que se fixese unha inauguración propiamente dita. A partir dese día e ata o 28 de agosto o Centro Etnográfico estivo aberto tódos os días, o que permitiu que o visitaran máis de 500 persoas, según se pode ollar nas follas de rexistro nas que se leva a contabilidade das visitas. O horario de apertura foi de tres horas e media tódas as tardes.

O Centro acolle unha exposición de 730 pezas aproximadamente, das 1.200 que compoñen a colección. O que se pode ver é o froito de oito anos de recollida de obxectos etnográficos (1992-1999). As pezas están distribuidas en diversas salas e ambientes, nun edificio de pedra de dúas plantas, exemplar característico da nosa arquitectura vernácula. O espacio de exposición ocupa en torno a 120 m2. No mesmo edificio atópanse os obradoiros e os almacéns. Através das distintas salas tentase trasmitir unha idea do que era a vida cotiá na comarca de Montes ata os anos 60 do século XX, ben que moitas cousas viñan con poucos cambios desde a Idade Media e outras aínda perviven na actualidade.

Na planta superior, que é onde se atopa a entrada, expóñense os trebellos do tecido, un dormitorio da época, os obxectos relacionados coa roupa e mais a infancia, así como elementos do mundo das crenzas (estampas, cruces, reclinatorios), da emigración e dos oficios (serranchín, carpinteiro, zoqueiro). No baixo hai máis oficios (canteiro, pedreiro, albanel, ferreiro e cereiro), unha lareira completa, os obxectos vencellados á preparación do alimento, especialmente da carne (a matanza do porco, o carniceiro), o pan, os recipientes (cerámicas, cestas) e, por último, os instrumentos do agro: arados, grades, xugos, sachos, aixadas, fouciños, mallos, cribos, un carro, carapuchos, etc. A pesar de que o máis interesante é o conxunto da colección e a coherencia do itinerario expositivo, non se pode deixar de suliñar a presencia dalgunhas pezas excepcionais: é o caso do equipo de cereiro (en depósito), único en Galicia e seica en España, un rarísimo besadoiro ou arado de tres rabelas, e o tear de Quintelas (Millerada) que ten perto de 130 anos.

Os obxectos están identificados con paneis; alén diso hai carteis explicativos, fotografías e planos. Compre salientar algunhas fotografías cedidas por Virxilio Viéitez, cuxa colaboración no proxecto hai que agradecer. A musealización da colección, non obstante, aínda non rematou. Entre os obxectivos do Centro áchase a recopilación de narracións orais da xente de Terra de Montes, a realización dun catálogo sistemático de arquitectura vernácula da zona e mais a creación dunha biblioteca de publicacións sobre a Terra que nestes momentos está en estado embrionario.

O CETMO conta desde hai pouco con unha extraordinaria páxina web que da a coñecer o seu contido: www.cetmo.trazantes.com

 

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es