Trasdomonte non é un lugar, son cinco. Os Codesás, A Graña, San Xusto, Ventosela e Ameixeiras, ó que todos lle chaman O Vadeolo. Forman parte do concello de Forcarei, dentro da parroquia da Madalena, pero a distancia e as montañas fan que teñan unha identidade propia.

Horreo de cantería do ano 1913, no pobo dos Codesás.  (Foto: Manuel Cerdeira)Aínda que forman unha das dúas zonas protexidas do concello (Xunto coa da Lagoa Sacra), non son enclaves que teñan un apartado nesta páxina pola súa importancia económica, nin paisaxística, nin sequera histórica. Están aquí sobre todo porque conforman o recanto onde naceu o autor.

Estas cinco aldeas forman case unha soa unidade: tiveron unha escola cando había nenos, teñen unha capela para todos, onde o cura da Madalena lles vén decir misa cada domingo, e teñen os mesmos problemas. Xente moi vella, falta de nenos, e ninguén que poida traballar.

O nome de Trasdomonte ten unha orixe que non levanta ningunha  discusión. Dende calquera outro sitio do que se mire sempre aparecerá un monte no medio. Todos os lugares están asentados n torno ó val que forma o río que alí nace, e que vai parar ó Deza, e deste ó Ulla. Arredor destes pobos están os cumios máis altos da bisbarra, Coco, O Castillo, O alto da Ruza...; todos andan polos mil metros de altitude. A pesca e a caza son hoxe dúas boas razóns para visitar Trasdomonte. De paso poderá ver algúnhas paraxes descoñecidas, como a fervenza da Freixa, no lugar da Graña, que se mostra nunha imaxe contigua, e que sorprendrá a moitos po la súa beleza; ou unha vista verdadeiramente impresionante dende os altos de Coco ou do Castillo, que abrangue toda a bisbarra e parte da de Deza.Muiño aínda en funcionamento no río de Trasdomonte. Pódese ollar o mecanismo que regula a caída do gran a móa.  (Foto: Manuel cerdeira)

Ó longo do río que forma o val de trasdomonte, o camiñante pode atopar infinidade de muíños, aínda en funcionamento, no que os paisanos moían o centeo e o trigo para facer o pan. Cada casa ten o seu forno, e ata hai pouco tempo todo o pan que se consumía era cocido neles.

 Os muíños teñen repartido o tempo de traballo entre as distintas familias, e algúns deles dedicábanse á "maquía", moer para veciños doutros lugares cobrando unha parte do gran moído.

Nas orixes d Trasdomonte está, como non, o mosteiro de Aciveiro.  No documento que se mostra noutra páxina, o abade do convento "prestalle" algunhas terras a certas familias para que as traballen, e ponlles unhas condicións, tanto en canto a impostos, como as posibilidades de vendelas.

Na Zona de Trasdomonte non se conservan restos importantes arqueolóxicos, e da primeira capela, dedicada ós santos Xusto e Pastor, e que dou nome ó lugar en que estaba contruída (San Xusto), non quedan máis ca unhas leiras que se seguen chamando así, A Capilla. A actual está no lugar dos Codesás, e data do século XIX. Foi tamén remodelada de xeito ben pouco afortunado alá po lo ano 1972. Hoxe só conserva a espadana do campanario e, sobre todo, o retablo, que prov,en do mosteiro de Oseira, cando este foi abandoado po la súa congregación. 

Retablo da capela de Trasdomonte. O seu orixen e o mosteiro de Oseira, en Ourense.  (Foto: Manuel Cerdeira)Os lugares de Trasdomonte non son, malia o seu illamento, dos máis atrasados da bisbarra. Neles hai luz eléctrica dende hai moitos anos, xa que na Graña construíuse a primeiros deste século unha central hidroélectrica, hoxe abandonada, pero da que se conserva o encoro. Tamén tiveron escola propia, correo, etc. dende hai moitos anos, e a emigración, que tanto dano fixo, aportou neste caso cartos para poder vivir e un coñecemento do mundo ós que saían que non se deron noutras zonas.

Nas imaxes pódese ver un hórreo do ano 1914 no lugar dos Codesás, o interior dun muiño de auga no río, onde se aprecia o aparello de gradación da entrada do gran a moa. Tamén o retablo da capela, que provén do mosteiro de Oseira, e que garda gran semellanza  cos que alí se conservan, e por último, a fervenza da Freixa, no lugar da Graña, entre os restos da hidroeléctrica e o encoro.

 Fervenza da Freixa, no lugar da Graña.  (Foto: Manuel Cerdeira)

<Ver máis fotos>

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es