Igrexa parroquial de Pardesoa.  (Foto: Manuel Cerdeira)Pardesoa está situada cara ó sur do concello, ás beiras do monte Custoia, onde apareceron importantes restos da cultura dos dólmenes, entre eles unha machadiña e un ídolo de pedra.

A obra máis importante é, como en case todas as freguesías, a igrexa parroquial, pero neste caso con maior razón, xa que se trata dun templo do século XV, de gran beleza. Reformado varias veces, conserva nembargantes o corpo orixinal, aínda que a fachada actual data do ano 1822 e foi realizada por canteiros da zona. Forma co seu entorno un conxunto distinto do doutras igrexas, xa que non está situada no lugar senón rodeada de árbores e veigas.

Aparte existen tamén na parroquia dúas capelas, a de San Marcos (século XVII) da que podemos ver o cruceiro na derradeira imaxe, e a de Fixó (século XVIII).

Esta parroquia ten hoxe pouco máis de douscentos habitantes repartidos entre os lugares de Pousada, Pardesoa, Sixto, Fixó, San Marcos e a Portela de Lamas, a única que estás ás veiras da estrada xeral, xa perto de Soutelo. Entre estes poucos habitantes naceu aquí Diego de Cana, un dos mellores gaiteiros desta terra.

 

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es