Forcarei é o concello máis grande, tanto en extensión como en poboación, da Terra de Montes. Ocupa unha superficie de 167,7 Km cuadrados, cunha altitude medi de 625 metros sobre o nivel do mar e uns 5301 habitantes no ano 1996, que pasan a ser menos de 5.000 tras do novo censo do ano 2.002.

 O Concello está dividido en trece parroquias con dous núcleos de influencia, o da propia capital (Forcarei), coas  parroquias de Aciveiro, Castrelo, Dúas Igrexas, Meavía, San Pedro de Quintillán e Pereira, e o de Soutelo de Montes, coas parroquias de A Madalena, Pardesoa, Millerada, San Miguel e Sta. Mariña de Presqueiras e Ventoxo.

 

A poboación da vila de Forcarei é de 436 habitantes, mentres que a de Soutelo e practicamente a mesma (448 h.). En ambos os dous casos, dáse a circunstancia de que o seu comercio, servicios, etc. corresponden a vilas moito máis grandes. Esto é común en Galicia, xa que a súa área de influencia chega a moitas aldeas veciñas, con entidade propia, pero con servicios moi escasos.

No concello de Forcarei nacen os ríos Lérez e Umia, aínda que parte das súas augas van cara outro dos ríos importantes de Galicia, o Ulla. Ten unha orografía moi montañosa, con cumes por encima dos 1000 metros como San Benito (1.017) en Candán, Seixo (1.014) no Cando ou Custoia (951) no Testeiro.

Limita cos concellos de Lalín (pola parte oriental, nas serras antes citadas), Silleda, Cerdedo, A Estrada, Beariz e Irixo. A súa poboación, aparte de estar repartida en máis de cen aldeas, descende e envellece dunha maneira importante. No ano 1925 fálase de máis de 9000 habitantes, nos anos sesenta de 8000, mentres que nos oitenta xa só eran uns sete mil. Esto explícase debido a forte emigración cara a Europa e á capital da provincia, e á corrección dos censos nos últimos anos, que deixaron de recoller a moitos emigrantes que levaban décadas vivindo na América. Esta misma emigración da xente nova produce unha alarmante carencia de nenos e un envellecemento ás veces difícil de crer. A aldea dos Codesás  na parte de Trasdomonte ten unha idade media de 73 anos, nela vive unha soa parella nova, sin fillos, e o último neno en idade escolar xa é profesor licenciado nun instituto de Vigo hai varios anos. Outras aldeas fican despoboadas dez meses ó ano, nalgunhas delas a persoa máis nova deixou atrás os 70 hai tempo.

A  economía do concello é típicamente rural galega, con leiras pequenas, que impiden a mecanización da agricultura, e unha importante gandería, sobre todo vacas e porcos. Esta gandería é máis de subsistencia ca outra cousa, e xunto coa pequena agricultura apórtalles ós paisanos só unha parte do necesario para vivir. A outra parte foi aportada dende sempre pola emigración, o mal endémico da zona xunto coa frontal oposición da xente á concentración parcelaria, que acabou desprovendo as aldeas de xente xove que quixese modernizar a maneira de vida. Hoxe a emigración vaise acabando e son, dado a idade da xente, as pensións do estado as que procuran a maior parte da entrada de cartos ós lugares.

Tecnoloxía e Natureza comparten o alto do Seixo.  (Foto: Manuel Cerdeira)

Hai minas de estaño, non esplotadas neste momento, pero que foron moi importantes na economía da posguerra, cando nenos e vellos recollían este metal nas escombreiras e vendíano como podían fora dos "cauces" legais, mestras os homes traballaban a xornal na mina. Esta maneira de recoller o metal deu lugar a que moitos montes teñan hoxe buratos e galerías descoñecidas que supoñen un perigo para o gando e a xente.

Hoxe, un dos sectores que emprega máis persoas é a construcción, seguido polos servicios, cada vez máis importantes, sobre todo o pequeno comercio e algunhas iniciativas empresariais como a que recentemente está tendo lugar no novo polígono industrial de Vilapouca, onde a empresa Vitrogal está construindo unha nave que dará emprego a perto de cincoenta obreiros.

No Concello de Forcarei áchanse importantes restos prehistóricos, en forma de petroglifos (San Miguel e Sta Mariña de Presqueiras), Dólmenes ou mámoas (Castrelo, Aciveiro, Dúas Igrexas) e tamén restos da cultura castrexa celta (Millerada, Sanguiñedo, Loureiro, etc.).

Aldea abandonada de Grobas, nos montes de Candán.  (Foto: Guía Turística)Existen paraxes certamente dignas de ser visitadas, como a Lagoa Sacra, na parroquia de Meavía, xusto no linde co concello da Estrada, ou a aldea abandonada de grovas, que aparece na imaxe. Pero sobre todo aparecen mostras do traballo máis recoñecido dos seus poboadores: as obras en pedra. Consérvanse en bo estado pontes sobre o río Lérez que son verdadeiras obras de arte (a de Gomaíl, a de Andón, et.) e que merecen toda unha ruta para velas. Pero, sen ningunha dúbida, a máis importante de todas elas é o mosteiro de Aciveiro, que tanto supuxo po desenvolvemento de toda a bisbarra, e do que se fala en páxina aparte.

 

<Ver máis fotos>

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es