Beariz de Montes é o concello máis pequeno dos que compoñen a Terra de Montes. Situado na parte máis noroccidental da provincia de Ourense, ocupa uns 56,2 Km cadrados e ten só 1704 habitantes, o que supón unha densidade de 33 hab/Km2 duha poboación moi envellecida pola emigración.

 Cunha altitude media de 610 metros sobre o nivel do mar, Beariz é tan montañoso coma Forcarei ou Cerdedo, pero as súas augas corren xa cara o Avia, e deste o Miño, e eso fái que os vales sexan abertos en dirección Sur, con máis horas de sol. Ten os seus cumios máis altos en Marcofán (940 m.), o alto da Ruza (868m.), xa lindando cos lugares de Trasdomonte, en Forcarei, e o alto de Santo Domingo (848 m.).

Nas terras de Beariz apareceron importantes restos das épocas do Neolítico (mámoas ou antas, de onde ven o nome do lugar de As Antas, no linde con Irixo, que ten a particularidade de que, con non máis de vinte casas, formaba parte de tres parroquias, tres diócesis e tres municipios distintos) e da Idade do ferro (Castro de Magros, onde se atoparon restos de cerámica e pedras de moer o gran). Da época romana consérvase unha ponte sobre o río Verdugo, no lugar de Ricovanca.

Casa Consistorial de Beariz.  (Foto: Manuel Cerdeira)

A capital, Beariz, ten nestes momentos 513 habitantes censados, e está asistindo a unha importante volta de emigrantes das américas (México, de xeito especial) que aportan algúns deles importantes capitais á zona e as principales cidades de Galicia (De feito, trátase dun dos concellos con máis renta per-capita de Galicia). En Beariz estase a facer unha labor importante de recuperación do entorno. En lugares como Albite, hai cinco anos abandoado, hoxe estanse reconstruíndo dende casas hasta eiras e muíños, sempre respetando o entorno tradicional da zona.

No territorio de Beariz hai minas de wolframio e estaño, que neste momento non son explotadas. Estes dous metais deron lugar a un feito moi curioso. Mentras durou a Segunda gerra mundial, axentes dos dous bandos buscaban non só apropiarse do que lles facía falta para a fabricación de pezas de artillería, senón deixar o outro bando sen esa materia prima. Así o "wolfram" chegou a acadar prezos astronómicos, e na súa compra e venda fixéronse ricos moitos comerciantes, e xente de todos os oficios deixaron o seu traballo para ser mineiros ilegais. Algo parecido á febre do ouro en Norteamerica, coa súa parte de violencia incluida;  eso si, durou menos tempo. O máis curioso é que contan os paisanos que estas minas non producían tanto metal como se vendeu, senón que se utilizaban de tapadeira para comerciar co mineral que se recollía a céo aberto no concello de Silleda, onde os labregos venderon a súa terra por anacos e déronse casos de verdadeira tolemia colectiva.

As minas de estaño tamén deron pé á industria dos fornos de fundición, fornos artesáns que fundían o metal mesturado con pedra que se recollía nas minas do arredor para elaborar lingotes. Os donos mercaban o metal directamente ós que o recollían a un prezo dependente da calidade e forma de pago, pero sempre moi superior á taxa marcada polo goberno.

A explotación das minas non se fixo só por compañias, senón que moitas eran traballadas por particulares, e nas escombreiras recollían os nenos e as mulleres os restos do metal, que unha vez lavado no río aportoulles ás familias da posguerra unha axuda en tempos de moita necesidade.

Este mesmo xeito de explotación deuse tamén nos montes de Coco e o Testeiro, entre os concellos de Forcarei e Lalín, e dou de comer sobre todo ás xentes da Ermida, Trasdomonte e a Portela de Lamas.

O concello de Beariz está adscrito administrativamente dende hai pouco tempo a comarca e mancomunidade de municipios do Carballiño, con a cal ten tan pouco que ver como Forcarei e Cerdedo con A Estrada, pero que é o destiño de moitos dos cartos que se chegan da emigración.

 

<Ver máis fotos>

 

Modificada por derradeira vez o 25/04/2014
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.es